lunes, 14 de febrero de 2011

Windows? Si, pero cun mellor coeficiente de Uw

Cando un viaxa por Europa adiante e, concretamente, polos países nórdicos, Alemaña ou Austria, por poñer só algúns exemplos, unha das cousas máis chamativas é o grao de confort en canto á temperatura interior do que se goza en edificios públicos e vivendas particulares. Sempre me sorprendou que un poida pasar máis frío no inverno nun apartamento á beira do Mediterráneo que nunha vivenda de calquera barrio berlinés. E non me refiro estrictamente a acadar unha temperatura interior determinada a base de pór a calefacción a todo meter, senón a unha inconfundible sensación de benestar provinte dun axeitado illamento térmico e acústico. É certamente curioso como no eido da construción civil, a diferenza doutras áreas do coñecemento técnico e científico, como por exemplo a mediciña, a telefonía móbil, as tecnoloxías da información..., onde os adiantos nun recuncho do planeta teñen unha implantación case inmediata no resto do mundo; a transferencia de coñecemento entre os distintos países non semella producirse. Malia o infausto auxe do inmobiliario en España nos últimos anos (ou habería que dicir, máis ben, a causa precisamente diso), a calidade construtiva das vivendas no noso país é francamente mellorable, por non dicir que deixa moito que desexar. E isto débese probablemente a unha ignorancia interesada de boa parte dos que se adican a construír vivendas neste país e coa que todos os cidadáns temos sido, en maior ou menor medida, conniventes...
Todas esas eivas construtivas vense especialmente reflectidas no elevado coeficiente de transmisión térmica ou Uw da meirande parte das fiestras instaladas nos fogares ao sur dos Pirineos. Obsesionados por dotarnos dos mellores sistemas de calefacción e aire acondicionado, esquecemos que é precisamente polas xanelas por onde se vai a maior parte do calor. De feito, calcúlase que até o 40% do calor marcha sen fornecer confort polas regañas das fiestras. De todolos xeitos non hai que perder de vista que un bo illamento non serve unicamente para o tempo frío senón tamén para o quente, o que aforraría sen dúbida moito consumo de aire acondicionado no verán. Por iso, a vindeira vez que teñas ou queiras trocar de xanelas non preguntes soamente polo prezo, senón polo coeficiente Uw. É probable que o vendedor te mire con cara rara. Mais iso, á fin, será o que realmente che fará aforrar cartos.

No hay comentarios: