sábado, 19 de marzo de 2011

Ecocondución ou como aforrar combustible seguindo 5 sinxelas técnicas de condución

Hai xa cáseque dúas semanas dende que o Goberno español aprobou a moi comentada e discutida medida dos 110 km/h, pola que alomenos até o vindeiro 30 de xuño de 2011 os condutores terán que reducir uns 10 km/h a súa velocidade máxima nas autoestradas do Estado. O argumento no que se apoia a devantida medida sostén que, por mor da alza dos prezos dos combustíbeis, especialmente no último ano; faise preciso reducir a factura enerxética. É cuestionábel que este sexa o mellor xeito de aforrar carburante (para máis información, pódese ler a postura oficial do RACC ao respecto) e tamén o é, seguramente, que sexa o Estado quen interfira directamente na capacidade do cidadán para ponderar onde desexa gastar os cartos. A non ser que o propósito sexa tamén protexer o medio ambiente, reducindo así as emisións de CO2 á atmosfera. Sexa como sexa, o certo é que esta medida temporal faime pensar nunha cuestión relacionada co aforro enerxético no tocante á condución e que, se cadra, debería cobrar maior protagonismo: a ecocondución.
Consistente nunha serie de sinxelas técnicas de condución, a ecocondución permite reducir non só o consumo dos vehículos e mailas emisións contaminantes, senón tamén as taxas de mortalidade nas estradas. Os cinco principios básicos da ecoconducción segundo a organización europea son os seguintes:
     1. Anticiparse ao tráfico
     2. Manter unha velocidade constante a baixas revolucións do motor
     3. Trocar de marcha entre 1500 e 200 rpm.
     4. Comprobar a presión das rodas regularmente
     5. Evitar levar peso innecesario ou carga aerodinámica
Seguindo estes cinco consellos pódese aforrar até un 15% no consumo do vehículo que, xunto coa utilización de coches máis eficientes, suporía un aforro moi significativo para o noso peto. O proxecto europeo ECOWILL (Widespread Implementation for Learner Drivers and Licensed Drivers) busca xustamente reducir as emisións de CO2 en 8 millóns de toneladas de aquí a 2015 concienciando á cidadanía para que empregue estas técnicas á hora de conducir. Daquela a crise económica que estamos a sufrir podería, á fin, servir como oportunidade para que moitos condutores comecen a percibir no seu peto as vantaxes dunha condución eficiente. Probablemente será a carteira a que, moi pronto, nos faga trocar de mentalidade.

Para ampliar a información, podedes ler tamén o seguinte artigo:

No hay comentarios: